Thursday 28 de March de 2024

A Xunta impulsa a innovación e o emprendemento entre o alumnado de Carballo a través da iniciativa Comercio con talento


A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, presentou a segunda edición desta campaña aos estudantes do IES Alfredo Brañas

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, presentou hoxe a segunda edición da campaña Comercio con talento no IES Alfredo Brañas de Carballo, unha iniciativa coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa a innovación e o emprendemento no eido comercial, e que se centra no alumnado que recibe formación profesional específica sobre este sector.

Na campaña poden participar aqueles alumnos e alumnas que cursan estudos nun dos 26 centros galegos que imparten os ciclos de grao medio de Actividades comerciais e de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais. Así, preto de 800 estudantes teñen a posibilidade de formar parte desta iniciativa. Na Coruña participan un total de 11 centros educativos.

A directora xeral de Comercio explicou ao estudantado que o concurso se celebrará durante os meses de abril e maio. Os alumnos e alumnas avaliarán o comercio da súa comarca para finalmente seleccionar un negocio. Estas tarefas de busca do local con talento realizaranse baixo a supervisión e control do centro educativo.

A continuación, os participantes deberán preparar un proxecto sobre o comercio elixido, para o que deberán contar coa autorización do propio establecemento. Aínda que o concurso é individual, dous ou máis alumnos si poden escoller o mesmo comercio, repartíndose o premio entre eles de resultar o negocio gañador. Os proxectos teranse que enviarse antes do 15 de maio.

Un xurado especializado, que está formado por técnicos do Goberno galego e expertos en materia de comercio, será o encargado de escoller aos 14 comercios con máis talento de entre os propostos, ao tempo que fará unha preselección doutros 20 proxectos que se publicarán no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos 15 premios sexa decidido polo número de me gustas que reciba.

O fallo do xurado está previsto que se emita durante a primeira semana de xuño e a lista cos alumnos gañadores publicarase a continuación na web do Portal do Comerciante (http://portaldocomerciante.xunta.es/) e nas redes sociais que ten vinculadas (Facebook e Twitter). Os alumnos autores dos 15 proxectos gañadores recibirán un iPad mini como premio.

A campaña Comercio con talento forma parte das iniciativas coas que se apoia ao sector comercial, un dos principais eixos de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan de Impulso ao Comercio de Galicia. Neste contexto, no que vai de ano puxéronse en marcha programas de axudas por preto de 6 millóns de euros para dinamizar centros comerciais abertos e prazas de abastos, mellorar a imaxe e modernizar os negocios, fomentar o relevo comercial, e revitalizar o comercio de proximidade.